Friday 10 de May de 2024

Xaquín Marín recibirá o vindeiro martes en Fene o Premio Rosalía de Castro que convoca a Deputación da Coruña


No acto, organizado polo ente provincial coa colaboración do Concello de Fene, entregaranse tamén os galardóns á Agrupación Astronómica Ío e á asociación Twitter en galego

Fene será escenario este ano da entrega dos premios Rosalía de Castro de Lingua, certame que
promove a Deputación Provincial co obxectivo de “recoñecer a personalidades e iniciativas que
traballan na promoción do galego en todos os ámbitos”. O acto terá lugar o martes 20 de xullo ás
20.30 horas na Pista Municipal de Fonte do Campo, a carón do Museo do Humor de Fene, e contará
coa presenza dos premiados, da deputada provincial de políticas de normalización lingüística, María
Muíño Filgueira, e do alcalde de Fene, Juventino Trigo. Ao remate do acto, como colofón, subirá ao
escenario de Fonte do Campo o cantante, compositor, investigador e compilador de música
tradicional Xabier Díaz.

Segundo informan dende a Concellería de Cultura de Fene, atendendo aos protocolos Covid, o aforo
será limitado (200 localidades) e o acceso con invitación. Neste senso, as persoas que queiran asistir
poderán solicitar a súa convida no correo electrónico cultura.deportes@fene.gal ou por teléfono
981340366 e/ou whatsapp 607 625 357, antes das 12:00 h do martes 20 de xullo (e deberán recibir
confirmación da mesma).

OS PREMIADOS
Na xuntanza que tivo lugar o pasado 14 de xuño, o xurado dos XII Premios Rosalía de Castro
acordou nomear ao debuxante fenés Xaquín Marín gañador na categoría de “Persoas”. Á hora de
outorgar o recoñecemento, o xurado valorou” o compromiso continuado no tempo, o alcance social
do seu traballo e o feito de facer humor gráfico nun contexto histórico de especial dificultade en
plena ditadura franquista e en medios de comunicación onde a presenza do galego era residual”. A
candidatura de Marín ao certame foi presentada polas áreas de Museo e Normalización Lingüística, co
apoio da concellería de Cultura e do Goberno Municipal de Fene.

Na mesma convocatoria, tamén acadaron recoñecemento a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, na
categoría de “Entidades”, e Twitter en galego, na de “Iniciativas de xente nova”.

O xurado valorou da Agrupación Astronómica Ío o seu impulso ao galego “nun ámbito tan
especializado como a astronomía e sen bagaxe” neste idioma, que “ademais consegue trasladar dun
modo accesible e atractivo para o público xeral”. E de Twitter en Galego -proxecto promovido por
Carlos García Vieito para o proceso de tradución co que configurar esta plataforma social no idioma
propio de Galicia- o xurado recoñeceu que crea “terminoloxía que permite colocar á lingua galega
nunha nova realidade dixital” e resalta o seu “gran impacto” con 15.000 persoas con conta
configurada en galego.

Xabier Díaz compaxina as súas facetas de músico e compositor cunha laboriosa actividade como
investigador e compilador do folclore tradicional galego. Froito deste traballo é o álbum Coplas para
Icía(2007) no que contou coa participación de Pedro Lamas e Suso Iglesias.
Foi cantante titular da compañía Nova Galega de Danza coa que levou a escena os espectáculos
Alento, Engado e Tradicción entre os anos 2005 e 2009.

Formou parte do grupo Berrogüetto, desde inicios de 2008 até 2014, ano no que se anunciaba a
disolución da banda. Durante este tempo editaron os discos Kosmogonías (2010) e O pulso da terra
(2011). Alén diso, obtiveron o Premio de la Academia de la Música á mellor canción en galego (2011)
e o de mellor grupo de música folk na primeira edición dos Premios Martín Codax da Música (2013),
así como o galardón á mellor banda sonora nos Premios Mestre Mateo (2014) coa película Inevitable.
Participou xunto a Guadi Galego, Guillerme Fernández e Xosé Lois Romero no proxecto aCadaCanto
co que editaron aCadaCanto (2012) e A Rosa D`Adina (2014).

Colaborou en discos e concertos de diferentes artistas, como Kepa Junkera, Xosé Manuel Budiño,
Carmen París, Amancio Prada, Luar na Lubre, Uxía ou Os Cempés. Así mesmo, a súa presenza nos
escenarios non só se circunscribe ao ámbito galego senón a lugares como México, Zimbawe,
Alemaña, Uruguai, Italia, Perú, Dinamarca, Francia, Suíza, Arxentina ou Bélxica.

No ano 2015 editou The tambourine man xunto ás Adufeiras de Salitre, que obtivo o galardón ao
mellor disco galego nos Premios de la Música Independiente (2016) e ao mellor álbum na categoría
de música tradicional dos Premios Martín Codax da Música (2016). Alén diso, The tambourine man,
permitiulle manterse no top ten da World Music Charts Europe nos meses de febreiro e marzo de
2016. Publicou canda as Adufeiras de Salitre outros dous discos: Noró, en 2018, e As catedrais
silenciadas, en 2020